Presentación en el MARCO por Xose Mª Álvarez Cáccamo del libro de Pablo Fidalgo Mis padres: Romeo y Julieta.

 A CONSTRUCIÓN DUNHA COSMOGONÍA.

Pablo Fidalgo Lareo, Mis padres: Romeo y Julieta

O poeta Pablo Fidalgo Lareo segue a sorprendernos coa voluntariosa e emocionante tensión da súa entrega indagatoria. Mis padres: Romeo e Julieta (Pretextos, València, 2013) constitúe un novo e magnífico capítulo da súa obra poética en marcha, un discurso de ambición totalizadora, exhaustiva e teimosa que vai na procura interrogante dos propios sinais de identidade e que trascende do perímetro da subxectividade ensimesmada para entregarnos claves existenciais que nos afectan a todos. Xa nos afectara moi seriamente a aventura vital e estética de La educación física (2010), onde o poeta revelaba o abraio da súa propia descuberta das angustias e os praceres da primeira mocidade.

Esta outra inquisición arredor da que transito agora dirixe as súas demandas cara ao rumbo da cadea do ADN familiar, a historia interrumpida do amor responsábel do nacemento e da vida do poeta. ¿Onde, en que instante das orixes do mundo de Pablo cómpre situar o punto de fractura, a quebra da cadea, a desfeita da figura triangular en que asentaba o seu ser infantil? Para que este poeta, este home que non pode –nin debe- prescindir da súa radical entrega ás causas da Poesía como órgano de visión, consiga entenderse, entendernos, debe esgotar antes o programa completo das súa apaixonada e obsesiva indagación, que actúa tamén como esconxuro, a xeito de terapia verbal e musical contra o mal da memoria agredida (“memoria excesiva”, en palabras do poeta) e vai tecendo a incesante tea de Penélope dunha escrita intencionadamente reiterativa, sostida por rigurosa vontade de estilo. Consciente da imposibilidade de atinxir lindes de resposta unívoca no horizonte dunha experiencia tan complexa como é a evocación da vida infantil ou o relato do amor e o desamor que os seus pais lle foron transmitindo, sabe que o propio proceso de procura de certezas através dos aparellos ópticos do poema xustifica dabondo a necesidade da posición inquisitiva. Que a ollada e a memoria poética non precisan deseñar o retrato cabal das persoas que motivaron o desacougo e incitaron o discurso literario nin organizar a crónica fidedigna dos acontecementos que actuaron como referente. A saudosa foto da última páxina, a primeira foto da vida, abre a xanela dunha paisaxe complementaria, a da outra memoria, a das vivencias estrapoéticas, a dos argumentos para unha exploración dos territorios da chamada realidade, lindeiros pero diferenciados dos continentes da poesía. Pablo poeta coñece moi ben –con moito detalle de sabiduría- a contorna desas diferencias. Así interpreta hoxe o significado da fotografía desde a que os tres –pai, fillo, e nai- se dirixen ao futuro impredecíbel: “Miramos al objetivo diciendo / que aún no estamos agotados, / que no seremos sólo esta imagen, / que cada uno de nosotros tres está destinado / a vivir otro gran amor, otro gran poema de amor”. Ese gran poema de amor, que sobarda as fronteiras da foto da vida, que se sitúa nos dominios da experiencia metamórfica, interpretativa, que se instala nas terras do mito, chámase hoxe Mis padres: Romeo y Julieta. É a lectura do mito e non a reconstrución da historia o que interesa, o que debe interesar, á lectora, ao lector deste libro que trascende o polígono triangular da biografía para edificar unha fermosa, polisémica, espléndida e nova construción xeométrica.

Pablo Fidalgo está a construír unha cosmogonía, coa ollada mítica a remexer nas feridas da memoria. O discurso cosmogónico do poeta persegue luces de revelación que lle entreguen a imaxe certa da orixe do seu propio ser, fundamentada acaso no acto mesmo da separación dos pais: “El fracaso de mis padres fue mi única historia”. A parella proxenitora conclúe a súa relación para dar saída a unha nova existencia. Afástanse as células que conformaban unha firme unidade anatómica para deixar sitio a un novo organismo celular, que nace e vive en estado de radical soidade: “Yo era un recién nacido en el naufragio / y sobreviví porque el agua era mi vida”. Desde a cerna fundamentadora do seu ser, o fillo vive implicado na vida amorosa dos seus pais e participa, como integrante dunha heterodoxa trindade no acto de apaixonada alquimia que confunde en figura única de amor as identidades singulares dos tres amantes, tres persoas distintas e un único deus verdadeiro, se se me permite a teolóxica brincadeira, moi conscientemente herética.

Unha detallada análise dos símbolos, da sintaxe narrativa e dos múltiples núcleos de sentido que constrúen o relato de Mis padres: Romeo y Julieta debe ficar adiada, naturalmente, para ser abordada en estudo crítico de máis vagarosa ambición. Deixo apuntada, porén, a trascendencia dun par de centros significativos de relevante valor na conformación do denso discurso poemático do libro: o motivo temático da casa, que ocupa, en función de limiar, a primeira parte, titulada CASA DE ACOLLIDA, e o tema complementario da declaración crítica fronte á desfeita da historia colectiva. Para a fundación dunha cosmogonía como a que erixen os poemas de Pablo Fidalgo resulta imprescindíbel a edificación do templo laico onde situar como residentes privilexiados os semideuses e os antihéroes protagonistas. Ese ámbito residencial é, nos poemas que dan testemuño transformador da vida, a casa-refuxio que acolle os extraviados, sanatorio, casa de tolos, burato negro, eixo centrípeto e centrífugo. É a casa-nai das simboloxías universais, con todo o seu sentido erótico e maternal a pleno rendemento: “La casa y la madre son insaciables”. Pero a memoria poética, a visión interpretativa exercida polo poema, non atinxe, evidencias transparentes senón só aproximacións que serven para encetar o fío de novas e incesantes procuras: “Abrí la puerta y dije: la casa es incomprensible”.A casa é tamén “la obra maestra / que nos oculta de la dictadura”. A relación amorosamente conflitiva de Pablo poeta –e do home do mesmo nome e parecida identidade- coas persoas e personaxes que ocupan o espazo e o tempo próximos na memoria infantil e de mocidade prolóngase no conflito que o cidadán Fidalgo Lareo sostén cun país e cunha historia de noxenta figura.

O reto de apreixar e interpretar desde os códigos da poesía e co guión dun itinerario exhaustivo os enigmas da propia existencia constitúe labor de dimensións colosais. O comprometido esforzo da densa introspección evocativa que Pablo Fidalgo leva a termo en Mis padres: Romeo e Julieta modúlase, en contraste coa complexidade do mundo interrogado, coa escolla dun estilo nominal de superficies transparentes, que rexeita todo exceso de brillo, calquera tentación de extravagantes sorpresas e derivas verbalistas. Continúa a admirarme o poeta de La educación física cos seus arriscados equilibrios de sobrio narrador lineal que incorpora, en prudentes doses de inesperada aparición, imprevisíbeis aberturas simbólicas, agudos acenos polisémicos, instantes de acción prodixiosa, presentados con magnífica naturalidade: “Todos estábamos pintando la familia / pero no éramos exactos”. Ou: “Dime, tú, que estás herido por las madres”.

Aplaudo sempre na escrita de Pablo, e sigo a facelo fronte a este novo libro, a singularidade da súa intelixencia poética, a lucidez das súas descobertas expresivas. A naturalidade da voz é consecuencia das certezas da súa ollada, da visión desde a que concibe o poema e desde a que le no texto da propia memoria. Intúo que a construción verbal do poema sobre a páxina coincide coa figura verbalizada antes do acto da escrita. Cando o poeta evocaba aquela escena que logo se expresou así: “Todos estábamos pintando la familia”, estaba contemplando a imaxe dos seus a pintar, a pintar todos a familia. Exactamente así. Esta é, creo, unha das claves da súa intelixencia poética, da súa capacidade para entender o mundo con ollada espontánea, natural, de poeta, con ollada de poeta natural. Porque a natureza de Pablo é a de quen vive a experiencia poética como fundamento esencial do seu ser. A súa entrega absoluta de escritor e lector impenitente, excesivo, a esta rara especialidade da visión – a Poesía, a contemplación hipermétrope que adensa os panoramas do mundo-, é a súa maneira máis natural de ser.

Con esa disposición de teimosa vontade indagatoria e coas artes ben temperadas do seu oficio de poeta logrou Pablo un libro imprescindíbel. Alén da destemida confesión de agravios, tristuras e culpas ou do magoado autorretrato do home sinalado por unha incisiva marca de nacemento, Mis padres: Romeo y Julieta constitúe un dos máis sabios e densos poemas de amor filial que teño lido desde hai décadas, unha poderosa, grave e liberadora declaración de amor ao pai, á nai e, sobre todo, á esa trindade que conforman Romeo, Julieta e Pablo Fidalgo Lareo..

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s