Texto de presentación del libro “Esto temía, esto deseaba” por Eduard Velasco.

Texto de la presentación que tuvo lugar en la librería Chan da Pólvora (Santiago de Compostela) el 18 de abril de 2017.

O corpo poético de Pablo Fidalgo Lareo

Nestas impresións de lectura, que non queren ser máis cá posta en común das anotacións ás marxes, vou comentar as marcas que me foron deixando cada un dos poemas dos libros de Pablo: La educación física, Mis padres, Romeo y Julieta, Tres poemas dramáticos e Esto temía, esto deseaba, que presentamos hoxe.

Só vos pido que teñades en conta que eu non son crítico nin especialista en nada, só un lector fascinado coa descuberta da poesía de Pablo Fidalgo. E tamén vos advirto que fixen o que non se debe facer: confundir por veces o escritor coa voz do poeta, mais non son inmune á tentación de ler en clave autobiográfica ou de tentar coñecer a través da obra.

Dixen Pablo e Pablo Fidalgo, e agora tamén Pablo Fidalgo Lareo, porque é así como xestiona o pacto autobiográfico para reconstruír o estado salvaxe dunhas orixes que nos deu a coñecer tanto desde a lembranza coma desde o esquecemento: feridas que son o don dunha historia persoal no mundo. O poeta aprovéitaas sen alardear e manifesta boa encarnadura cando escribe.

Se tivese que pensar nas claves desta arquitectura diría escrita, xuventude, curación, familia, casa, amor, corpo e luz.

Escrita, claro, porque grazas á súa poesía de escenario, excesiva e moderada, de arroutada e contención, o poeta pode controlar as verdades para que o público non saiba se o que escribe cadra co que pensa. Só damos por seguro que a poesía é precisión e arte de narrar e que con ela podemos ter un lugar e unha lingua os que non temos sitio nin idioma.

Digo xuventude porque aquí a mocidade é o tempo do posible, cando todo está por facer e todo se pode dar. “Nunca fomos novos”, advírtenos, porque ademais nada se tematiza nin se elabora cando é. Tampouco existe o poema e, xustamente por iso, temos que o tomar en serio, polo compromiso coa vida e coa creación. Chegaremos á luz, mais de momento só apunto que a xuventude quere noite porque é o que debe ser: o territorio da inconsciencia que aínda non coñece os límites do corpo.

O movemento da curación é o propio da poesía, que non salva pero axuda a refacerse nun camiño que non ofrece a posibilidade do retorno, aínda que a voz se vexa obrigada, por compromiso consigo mesma, a manter a vontade da volta ao lugar no que o amor foi realmente feliz e se deu a aprendizaxe. A ilusión da lingua que sanda a través da dor, e que vinga grazas ao recordo, é o que fai que se inicie a sandación. A escrita poética é coidado esencial, oficio e piedade, tres elementos imprescindibles para calquera experiencia de curación que nos faga aínda máis coñecedores da violencia.

A familia cando sempre é o máis complicado de explicar, a estrutura máis complexa da que non damos saído. Sabemos que é unha ditadura, pero podémola comprender se constelamos e aceptamos que nacemos dun erro xerador de beleza que é o motor do mundo mentres non chega a liberación da morte. O escritor, o actor –ou sexa, o membro activo que crea– é quen se atreve a poñer distancia coa familia e se sitúa na excentricidade, nas catacumbas onde grazas á escuridade pode percibir o punto exacto no que nace a arte. Tamén os fillos deveñen e apándase con eles, tamén nós apandamos cos pais e han apandar connosco, mais é a intelixencia do poeta a que fai da mancha unha virtude e unha condición de posibilidade. O erro convértese nun canto ao desexo, ao azar de sermos sinalados na forza centrífuga da liberación. A familia retén para medrar e couta as fugas de quen quere resolver a historia persoal, aínda que sexa con actos máxicos que, se non desfán o que foi, aseguran a tranquilidade do ser que se escribiu para pactar coas orixes.

Tan azaroso e central na orixe é a familia coma a casa. Desconfiemos daquelas en que todo flúe e entremos con el nos cuartos que se superpoñen nun labirinto de matrioxcas e dan razón da educación sentimental e do que hai fóra: a rúa onde comparece a diferenza e aparece a necesidade de quitarse do medio, de desaparecer e de arredarse nun exilio que dure o que tardemos en escribir e poñer orde para podermos volver. Chegará o tempo de se entregar ao coidado da casa, de habitar ese lugar de dúas caras que acolle e que reclama, que dá pero tamén pide.

Dixen amor e dise na súa obra como interrogación sobre o que amamos, sobre os rastros que quedan polo corpo e que conforman as buscas dos amantes. O amor aquí é unha dimensión que permite comprender o tempo e o espazo co corpo como ferramenta para acceder fisicamente a estoutras dimensións. E no diálogo constante entre os amantes non se responden as preguntas porque non xustificar o desexo é unha forma máis de rebelarnos.

Fun dicindo corpos porque na súa poesía son condena e posibilidade, tamén consciencia de finitude e medida de todas as cousas. Somos froito dun erro e de aí que cada corpo sexa unha interrogación en si mesmo nesta carne desposuída que se ergue contra todas as certezas.

Finalmente, a luz, porque os neuróticos da iluminación sabemos o que acontece cando enfocamos algo, e que o mellor para ler é o reflexo, nunca a claridade directa. Poida que a luz cambie ao ser observada como desaparece o que se nomea, os rastros que se esvaecen no corpo ao ser amado. A luz, como é tempo, tamén é destrución, e de aí que a mocidade, a adolescencia, pida sempre noite porque é o máis atemporal, os anos nos que aínda non se intúe a morte. A luz dá sombra, non deixa ver o lume, e mesmo no exilio, tan necesario, o lugar de acollida ilumina o da fuxida e fai que a dor sexa moito máis diáfana.

Claros son os poemas de Esto temía, esto deseaba, que tamén, coma o sexo nos corpos, coma os amantes, coma a mocidade, deixan rastro no camiño lector (quen sabe se na nosa escrita) e refacémonos coma o propio poeta ao acabar un libro e poñer en marcha un sistema consciente de ser máis cá mera suma das partes.

Desde o primeiro dos seus libros ata este viaxamos con Pablo Fidalgo Lareo no tránsito á individuación, e facémolo sen saír dun cuarto. Cun tao á maneira del, entre o poder e a escravitude, Pablo confiou no azar e comezou facendo unha apoloxía da loucura para acabar no eixo do equilibrio, no desposuimento e na liberdade de quen sabe que non ha perder nada.

Eduard Velasco

Libraría Chan da Pólvora, 18 de abril do 2017

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s