Presentación de O malperder


POR ORIANA MÉNDEZ

[Quen é Pablo Fidalgo]
Pablo Fidalgo desenvolve desde hai máis de dúas décadas unha recoñecida e salientable traxectoria que combina poesía, creación escénica e comisariado cultural. A súa traxectoria como escritor desenvolveuse en paralelo ao traballo escénico. En 2010 publicou en Pre-Textos o seu primeiro libro de poemas, La educación física, recoñecido por El Cultural como un dos mellores libros de poesía dese ano. En 2012, chegou La retirada (Premio Injuve de Poesía) e, en 2013, publicou Mis padres: Romeo y Julieta. Posteriormente apareceron títulos como Vivir sin nada, La dejadez, Esto temía, esto deseaba e Crónica de las aves de paso (accésit do premio Adonais 2017). Tamén as pezas escénicas O estado salvaxe. Espanha 1939 e La enciclopedia del dolor: esto que no salga de aquí. A partir de 2019 comezou a publicar tamén en galego. Nese ano apareceu a plaquette Parangolé. En 2021 publicou Je vous salue, Fran Cortegoso, unha elexía dedicada ao poeta pontevedrés editada por Chan da Pólvora.
Os seus textos foron traducidos a varias linguas e representados en numerosos países. Vive en distintos lugares.
Pablo Fidalgo publica agora, «estrea», O malperder, logo de máis dunha década de traballo como escritor e creador escénico, autor dunha obra moitas veces ensarillada na memoria familiar.


[O malperder: unha pregunta e un territorio]
A psicanálise dinos que ninguén coincide plenamente consigo mesmo e que a tarefa de dicirse a un mesmo nunca pode completarse. O suxeito nunca consegue facerse transparente para si: estamos atravesados pola linguaxe, condenados ao límite, á confusión, á reelaboración, ás historias que contamos sobre nós e ás que outros contan de nós. Condenados e limitados ao discurso lingüístico. Mais é precisamente esa mesma linguaxe a única ferramenta coa que contamos para iniciar a procura. A tarefa é inxente: interrogar o inatinxible, abrir un vieiro entre o océano da experiencia e reconstruír, coa palabra, un sentido posible. Cara a esa tarefa, humilde e inmensa ao tempo, diríxese Pablo Fidalgo.
O título non ten unha interpretación unívoca. A palabra vai adquirindo sentido por contaxio con outras que a rodean: malvivir, malgastar, malas linguas, malas influencias. Despois do título, ese curioso verbo substantivado aparece cinco veces entre os poemas. Di:
o malperder é
o máis belo xeito
de sobrepoñerse


Mais, comecemos polo principio:
poden falar os subalternos nesta aldea?

A pregunta remite inevitablemente ao célebre ensaio de Gayatri Spivak, Can the Subaltern Speak?, publicado a finais dos anos oitenta. É unha pregunta que atravesou boa parte do pensamento contemporáneo e que adoita formularse en relación ao problema do colonialismo ou do exercicio do poder. Fidalgo tráenos o protagonismo da aldea, por iso os primeiros poemas do libro están construídos arredor da escoita. Aparecen encabezados por fórmulas recorrentes como as seguinte:
o que escoitei no stop
o que escoitei mentres esperaba o bus a Ribeira
o que escoitei unha mañá na bicicleta
o que escoitei un día na radio de madrugada


O poeta aparece moitas veces como alguén que recibe unha voz antes que como alguén que a manifesta a súa voz única e central. Son poemas cheos de voces alleas: a xente da aldea, a radio, os veciños, a avoa, os mortos, os camiños. Vai construíndo un espazo onde esas voces poden aparecer e relacionarse entre si.
Moitas veces quen fala é unha forma de fala colectiva, recoñecible para calquera persoa familiarizada con algunha comunidade pequena. Recoñecénse e recóllense favorecendo unha atmosfera común e estraña. Preguntámonos: por que debemos escoitalos? que temos que detectar nestes personaxes, escenas, sorte de monólogos?
Tamén por iso resulta difícil separar esta escritura da experiencia teatral de Fidalgo. Moitos poemas funcionan como parlamentos ou intervencións pronunciadas en voz alta. A oralidade ten un papel fundamental na súa construción. O texto incorpora conversas, rumores, preguntas, escenas recordadas, etc.
A medida que avanza a lectura, comprendemos que a pregunta inicial non determina só o inicio do libro. Vai ser a pedra de toque de todo o seu movemento. Preguntarémonos quen pode falar, mais tamén quen escoita, quen transmite, quen lembra e quen conserva determinadas formas de experiencia cando semellaban destinadas a desaparecer.


[A lingua, a avoa e a exlingua]
Unha palabra que non existía antes de entrarmos neste libro: exlingua.

usa-la exlingua da miña avoa
é un modo de dicirvos
que non teño nada do que falar
que xa é moi tarde


Unha lingua que chega desde o pasado, atravesada pola perda e pola transmisión incompleta.
O malperder é, se eu non erro, o terceiro libro que Fidalgo escribe nesta exlingua e tamén no que a propia experiencia da lingua aparece de maneira máis explícita, estreitamente ligada á transmisión familiar, nomeadamente, a unha das figuras centrais da obra: a avoa. A súa presenza en O malperder non é nova na obra de Fidalgo. Xa ocupaba un lugar central na peza escénica O estado salvaxe. Espanha 1939, construída a partir de longas conversas con ela e interpretada pola propia Mercedes Fernández Vázquez. Alí aparecía xa unha muller que reconstruía a súa biografía, interrogaba a súa memoria e tomaba a palabra despois de anos de silencio.

É unha presenza que fala e que interpreta a realidade. Moitos poemas parten directamente das súas palabras, como en:miña avoa dixo
miña avoa repite
miña avoa di


A través dela chegan formas de entender e de habitar o territorio e tamén a pregunta pola identidade. Nun dos poemas lemos:dun día para o outro
empezo a falar unha lingua nova
a exlingua da avoa


A novidade resulta significativa. Este coñecemento que se herda semella levar consigo algunhas interrogantes que se abren a medida que rompen a falar as palabras na nova exlingua: a experiencia, non necesariamente obriga, pero implica, leva consigo, a pregunta pola familia, pola comunidade, pola memoria propia.
O mesmo poema que acabo de citar, remata:
miña avoa
se perdiches o amor por esta lingua
imos entender por que


Ao longo de O malperder, a avoa convértese nunha figura a través da cal os poemas atravesan a transmisión, a perda, a continuidade e os modos nos que unha lingua segue a existir mesmo cando parece afastarse das vidas que a sostiveron. Por iso a cuestión da lingua non aparece separada das persoas que a falan, da rede de relacións que os poemas exploran desde distintos lugares e voces. En definitiva, o propio Fidalgo chegou a dicir, en conversa con Antón Lopo, que, se tivese que simplificar o libro, diría que é, antes de nada, un libro de amor para a súa avoa.


[Os espazos e as figuras]
A aldea é un dos espazos fundamentais de O malperder. É o escenario en que se formulan algunhas das preguntas principais do libro. Non aparece como un paraíso perdido nin como un espazo idealizado. É unha comunidade concreta, no Barbanza, atravesada por relacións de proximidade, formas de vixilancia, afectos, conflitos e simples (ou complexas) memorias compartidas. Segundo o autor, a aldea do libro non é tanto unha herdanza como unha conquista tardía. Di: «todos os cativos tiñan aldea menos eu», por iso: «daquela vila eu fixen a miña aldea e o meu territorio moral».
De par da avoa, o libro está habitado por desterrados, exiliados, parias, adictos, desertores e malperdedores. Son figuras recorrentes que aparecen unha e outra vez e que forman unha especie de comunidade paralela, unha constelación de personaxes situados nas marxes dos relatos dominantes. O libro interésase por eles en tanto que portadores doutras formas de experiencia e de memoria.
Dise:
foron unhas poucas noites
as que me levaron
fóra da lei
a furtivar


Gustaríame advertir que, a partir da segunda metade da obra, o espazo amplíase. A aldea segue presente, pero entra en relación con outros lugares.
Un deles é Venecia. Na sección Venezia. Variacións o galego convive co italiano e a cidade aparece atravesada pola experiencia do desprazamento. Outro é Oaxaca. A distancia, aínda maior, permite a aparición, desde outro contexto, dalgunhas das preguntas que percorren o libro.
Permitídeme estes versos de puro extrañamento e de pura beleza:

II
Non imaxinas como é este lugar. Pola noite ladran os cans e é imposible durmir. Choran
e ladran coma se estivesen sós na casa, coma se tivesen fame e sede, coma se fosen parir
ou morrer. Canto máis tentamos facelos calar máis alto ladran. Se un día hai un perigo
real, que farán os cans? calarán? e poderei entón durmir?


Os lugares cambian, as linguas cambian e tamén cambian as voces. Podería parecer que o libro abandona progresivamente a aldea. O que ocorre, ao meu ver, é xusto o contrario: cada novo lugar obriga a volver a ela doutra maneira. Quizais porque O malperder é o intento de reconstruír unha filiación esgazada sen aceptar plenamente ningún dos relatos dispoñibles: nin o da familia, nin o da aldea, nin o da lingua, nin o da derrota.


[O mapa]
O malperder pertence a unha tradición recoñecible, pero non resulta doado reducilo a unha única xenealoxía literaria.
Por momentos pode lembrar o Pasolini das Poesie a Casarsa, escritas nunha lingua vinculada á historia familiar e ao territorio. Noutros momentos dialoga con autores como Annie Ernaux ou Didier Eribon, que converteron a distancia respecto ao propio mundo de orixe nunha ferramenta de observación. Tamén con John Berger, atento ás transformacións do mundo rural europeo e ás formas de vida que desaparecen sen facer ruído.
Formalmente, o dialoga tamén con tradicións distintas. A importancia da repetición, da anáfora e da acumulación de voces achégao por momentos a determinadas zonas da poesía contemporánea de raíz oral e performativa. A presenza de materiais heteroxéneos, de frases escoitadas, de rexistros diversos e de voces que se cruzan recorda a procedementos próximos á estética documental. O propio autor ten sinalado a importancia que tiveron para el determinadas zonas da tradición italiana, desde Pasolini ata Saba, Penna, Baldini ou Patrizia Cavalli, así como a poesía dialectal e a canción popular. O xogo entre linguas, as rimas deliberadamente simples, as pequenas canzonette e o ton conversacional de moitos poemas teñen que ver con esas lecturas.
O malperder fai convivir a reflexión sobre a lingua cunha forte dimensión oral. Fai convivir a memoria familiar coa escoita das voces da comunidade. Fai convivir a aldea, Venecia e Oaxaca dentro dun mesmo movemento.
Querería recoller moitos versos para dárvolos como peche desta presentación, é difícil escoller só estes, pero son estes:

o meu lugar no mundo
é un arroaz na area
imos adiante
aínda que só sexa polos paxaros